Saturday 04 de May de 2024

A Xunta inviste preto de 700.000 euros no mantemento dun inmoble de vivendas de promoción pública na rúa Ribeira Sacra da Coruña


O Instituto Galego da Vivenda e Solo licitou as obras para substituír a cuberta e realizar outras actuacións coas que corrixir as humidades do edificio

A Xunta de Galicia destina máis de 670.000 euros a obras de mantemento do inmoble de vivendas de promoción pública construído entre os número 15 e 17 da rúa Ribeira Sacra, no polígono de Mesoiro (A Coruña).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) licitou a obra para a substitución da cuberta e a realización doutras actuacións na súa estrutura co obxectivo de corrixir as humidades existentes no edificio.
Os traballos previstos inclúen o desmontado das pranchas de zinc preexistentes na cuberta do edificio e a colocación dun novo acabado constituído por paneis sándwich. A estes labores engádese a reparación e impermeabilización da cuberta dos núcleos de comunicación vertical así como a substitución das claraboias.

A obra suporá realizar tamén reparacións nas vivendas e espazos comúns do último andar con intervencións como o selado de carpintarías, a inxección de illamento na cámara de aire e o pintado de paramentos interiores así como a substitución de pezas danadas dos pavimentos de madeira.
As empresas interesadas en optar á licitación das obras poderán presentar as súas propostas ata o 22 de xaneiro de 2024.